elementos de acampadaSCQ Máis no mural de acampadaSCQ

lunes, 13 de junio de 2011

Resumo do foro aberto 13/06/2011

Benquerid@s:

A partir de hoxe imos tratar de achegarvos un breve resumo do que se vai falando cada día nas reunións cidadás que celebramos ás 20.00 horas. As actas seguirán sendo publicadas como se vén facendo dende sempre, pero tendo en conta o longo que é o proceso ata que as facemos públicas na rede, pretendemos achegarvos un adianto para que poidades estar ao día de todas as actividades e participar nelas.

Ademais da información habitual das comisións, un dos puntos máis interesantes da tarde de hoxe foi o debate sobre o punto 8 do noso manifesto, no que pedimos a redución do gasto militar. As persoas que opinaron ao respecto foron aportando diferentes propostas para un desenvolvemento máis concreto, como ocorre cos outros sete puntos. Reivindicar a supresión deste gasto, o papel da industria armamentística, a produtividade do Exército ou as alusións a conflitos bélicos históricos e actuais foron algunhas das ideas expostas.

Por outra banda, artellouse a creación dunha nova comisión, que se encargará de establecer un diálogo con organizacións ou plataformas coas que poidamos ter puntos comúns e buscar a maneira de facer máis forza colectiva na reivindicación dos mesmos.

Informouse tamén da actividade dos catro grupos de traballo que están a desenvolver próximas mobilizacións:

-Concentración ante o Parlamento o mércores 15 ás 10.00 horas. Este grupo reúnese este martes, día 14, ás 11.00 no Obradoiro.

-Manifestación do 19 de xuño contra o pacto do euro.

-Actos reivindicativos na Semana Verde de Silleda, que se celebra entre os días 16 e 19 de xuño.

-Marcha de indignad@s a Madrid.

Chamamos á participación de toda a cidadanía nos grupos para preparar estas accións e para, por suposto, levalas a cabo. Respecto dos grupos dos que non se especifica hora de reunión, se queredes traballar neles, pasade polo Obradoiro e preguntade.
Sodes benvid@s.

Concentración no Parlamento o 15-X

A #acampadaobradoiro fai un chamamento a toda a cidadanía a concentrarse pacíficamente ante a sede do Parlamento de Galicia (Rúa do Hórreo, número 63) o vindeiro mércores, día 15 de xuño de 2011, ás 10.00 horas baixo o lema: “Non somos as pezas do voso xogo”. Recuperaremos a simboloxía das flores para facer fincapé no carácter non violento das nosas accións.

Morte do €uro